O pasado 16 de maio tivemos na Biblioteca Municipal Ágora da Coruña a ocasión de achegarnos novamente á poesía e á música de Aldaolado, o estupendo proxecto que as poetas María Lado e Lucía Aldao levan anos desenvolvendo, ao vivo, polo conxunto da xeografía galega. Na posta en escea, lúdica e divertida, desfrutamos dos versos de diferentes autores e autoras do país, dos das propias protagonistas do recital e da forma especial e fermosa na que a música da Velvet Underground, David Bowie e outros clásicos -fantástica versión de Rocío Jurado en galego, incluída!- dialoga cos recitados.
Por pouco habitual, por cercano ao público e pola vontade de desacralizar o texto literario e a propia condición de poeta, o formato que ofrecen as creadoras do espectáculo resulta especialmente interesante. Nelas están os xogos e as citas ás referencias da cultura popular de masas, coas que medramos e coas que convivimos. Nelas, tamén, a espontaneidade, a naturalidade e a frescura coa que se relacionan, desde o gozo, desde o pracer, cos propios poemas, cun sentido lúdico que non por iso lles resta intensidade e verdade á fondura dos textos.
O desenvolvemento da actividade na Biblioteca volveu demostrar a solvencia na posta en escea e a capacidade de conexión de Aldaolado coas e cos asistentes, para unha franxa de idade, ademais, ampla e capaz de conectar con adolescentes, adultos ou persoas maiores por igual.
O pasado día 14 de maio ás seis da tarde tivo lugar na Axencia de Lectura Municipal de Areas (Ponteareas) a actividade titulada Maxía Cómica realizada pola Contacontos Leo Leiño.
Unha actuación pensada para todos os públicos e especialmente para os nenos. Trátase dunha actividade divertida e sorprendente, relacionada coa lectura, unindo o argumento dos libros cos xogos.
Leo consigue a participación e implicación dos rapaces, xa que participan na execución dos trucos, rinse e por veces están como hipnotizados mentras dura a función. Os máis pequenos fascinaban cando a corda voaba soa, cando o can cambiaba de cor, e cando consigue que ata os libros boten lume… pero ao principio nunca saen os trucos polo que necesita dos nenos para que funcionen dicindo unhas palabras.
Leo fai múltiples referencias ás lecturas. Finalmente, foi un espectáculo moi divertido, mezclando o humor e a maxia.
O día 20 de maio, co gallo das Letras Galegas, no CPI Pontecarreira realizouse o obradoiro “O lapis máxico”, que busca que os nenos e nenas participantes tomen contacto con todos os aspectos dunha representación teatral: guión, interpretación, iluminación, banda sonora…
O obxectivo é que aprendan a traballar en equipo e poidan desenvolver as súas habilidades artísticas.
O xoves 15 de maio, na Biblioteca Xosé Neira Vilas de Touro, celebramos o Día das Letras Galegas, e un grupo de 26 nen@s de educación primaria lembraron a Xosé María Díaz Castro nun obradoiro creativo dirixido por Larraitz.
Xogando a crear unha paisaxe, descubriron a poesía “Esmeralda”.
Algúns dos seus traballos quedaron expostos na biblioteca.
O luns 19 de maio dezasete nenos e nenas participaron no obradoiro creativo para facer un retrato cubista do autor ao que se adica este ano o Día das Letras Galegas.
Fixeron un retrato cubista do autor que simboliza as diferentes facetas artísticas do mesmo, e a súa doble condición de poeta e traductor.
O resultado foi do agrado dos pequenos artistas que opuxeron moito da súa colleita. Dende logo ningún retrato foi igual a outro, todos deixaron ver a imaxinación de cada un dos autores.

Contacontos musical a cargo de Xandobela Teatro na ALM de Os Tilos o venres 16 de maio, a través dos textos de ‘Nimbos’ percórrese a traxectoria do poeta chairego Díaz Castro (homenaxeado no Día das Letras Galegas), cunha revisión actual, profunda e amena, á súa achega ás Letras e en especial á poesía e á tradución. Pensado para nenos e nenas a partir dos 8 anos. Acompañouse cun centro de interese preparado polo persoal da biblioteca de Díaz Castro e as Letras Galegas.

O venres día 16 celebramos na biblioteca o día das letras galegas co contacontos AVENTURAS NA COCIÑA de Trinke Trinke. A ratiña Lili Gruyere contounos contos moi divertidos. Pasamolo moi ben e queremos que volva outra vez.
Con motivo do Día das Letras galegas o día 15 de maio tivemos no Salón de Actos da Casa da Cultura de Xinzo de Limia a actuación de Raquel Queizás co seu expectáculo da Maleta da Avoa.
Dado que aumentamos a capacidade do Salón nesta actuación puidemos invitar a máis público e dende logo moi variado.
Acudiron 250 nenos de 3º a 6º curso de primaria do CEIP Carlos Casares, 5º e 6º do CEIP Rosalía de Castro, como o expectáculo se prestaba para todos os públicos acudiron tamén dous importantes colectivos da nosa vila, Limisi, Asociacion para A Promocion de Minusvalidos Psiquicos Da Limia e os Anciáns do Centro de Día os que a súa movilidade lles permitía vir ata a Casa da Cultura.
Encantounos a todos. Foi todo un éxito


Séguenos