30/09/2024
O pasado Xoves 26 de setembro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén tivemos o contacontos teatralizado con monicreques e ventriloquia que nos trouxo o artista FRAN CAMPOS “BANDULLO AZUL“ titulado “FAZULAS E O LADRÓN DE PARAUGAS” baseado no libro do autor Xosé Lueiro, ilustrado por Sara Valcárcele publicado pola Editorial Galaxia.
Vivimos en directo a viaxe iniciada por FAZULAS e a súa teima por saber de que cor é o vento emprendendo unha fantástica aventura collido a un paraugas. Buscou entre as árbores, as nubes… precisou da axuda do Señor Moucho, da cadela Petra, do profesor e de todos os presentes na sala.
Ao final os asistentes descubriron que fai o vento cos paraugas, e lle fixeron unha canción xuntos a ese gatiño curioso e parlanchín chamado Fazulas.
Asistiron a este evento o alumnado de 1º a 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da Asociación Aspavi xunto cos seu profesorado e monitores.
Con esta actividade conmemoraremos o DÍA EUROPEO DAS LINGUAS que se celebra o 26 de setembro en toda a Unión Europea como homenaxe á diversidade lingüística do continente europeo; unha iniciativa que busca promover a aprendizaxe continuada de varios idiomas para os habitantes deste continente.
Unha das principais metas que desexa implantar en Europa a celebración do Día Europeo das Linguas, é a de concienciar aos habitantes sobre o enorme potencial que teñen os idiomas como ferramenta profesional e intercultural, que non só permitiríalles acceder a novas ofertas de emprego no mundo ou os convertería nun cidadán global, senón máis ben, como forma de preservar a cultura dos países e asegurar a súa pervivencia ao longo das xeracións futuras.
Séguenos