O venres, 17 de outubro, Raquel Galavís transformou a biblioteca de Mera (Oleiros) durante 45 minutos nunha festa na que pequenos e maiores cantaron e bailaron ao ritmo da guitarra e do bater das palmas.
O pasado xoves 16 de outubro Anxo Moure visitou co seu Carballo con Botas e a súa titiricleta a axencia de lectura de Vilariño en Cambados. A través dos seus contos e historias os nenos descubriron aspectos das árbores e a natureza que sen dúbida os animaron a coidar aínda máis a nosa riqueza natural.
A sesión durou algo máis dunha hora na que os sorrisos e a diversión estiveron garantidos…Ao final Anxo, co esforzo de contar tantas historias, acabou un pouco canso… e precisou un pouco de axuda para retomar o seu camiño a casa… Volve pronto Carballo con botas!!!
Migallas Teatro mostrounos o espectáculo “Merenda con pan de millo” destinado a público familiar e que tivo unha gran acollida por parte do público máis pequeno que coñecía e coreaba as cancións con gran entusiasmo.


O pasado sábado 18 de outubro, Cambados celebrou por todo o alto o 4º aniversario das novas instalacións da súa biblioteca municipal, na Casa dos Fraga. Grazas ao programa de animación á lectura Ler conta moito puidemos gozar do bo facer de Migallas Teatro.
O Concello de Cambados quería agradecer así un ano máis a todos os seus socios e usuarios a súa asiduidade e amor pola lectura. Sobre todo, querían facelo cos máis implicados, os nenos e nenas do municipio…e a resposta non puido ser mellor!
Asistiron máis de 70 pais e rapaces ao espectáculo “Merenda con pan de millo”. Baseado no Libro-disco Pan de millo, editado pola Editorial Kalandraka , os asistentes puideron divertirse coas cancións, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretaron foron: “Pinocho”, Pan de millo, O piollo e a pulga “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?” e “Miña Abuela Manuela”.
Sen dúbida a celebración foi todo un éxito!
Solidaridade Internacional achegou ata a Axencia de Lectura Municipal “Contos do Mundo: unha viaxe polo mundo a través dos contos”, esta vez visitando America Central a través dos relatos de Irene.
O venres 17 de outubro visitou a Axencia de Lectura de San Vicente a nosa amiga Irene, filla de cooperantes, que viaxou por moitos países, quen nos amosou un anaco dun dos países de América Central, Guatemala. Comezou esta viaxe cos acordes da “Marimba” (un instrumento parecido a un xilófono) moi popular en América Central. Utilizando fotografías foi presentándonos este fantástico país: a súa xeografía, as súas xentes, costumes, bailes, contos, etc.
Nas súas viaxes sempre coñece a moita xente e neste caso, coñeceu a unha muller que lle contou un conto popular de Guatemala. O conto titulábase: O home que se transformou no sol. Coa participación dos nenos e cun xogo de cores relatou esta historia na que se nos describe como naceu o Sol.
Todos os asistentes pasaron una tarde de lecer, escoitando as narracións de Irene, aprendendo os costumes de Guatemala, bailando ao compás da música e divertíndose moito.

A Biblioteca Central de Arteixo, foi o escenario da representación de “A Orixe” de Raquel Queizás, quen ataviada con indumentaria representativa e acompañándose con música, fíxonos partícipes de contos de África, China e de Perú. Pequenos e maiores desfrutamos e participamos nunha sesión que nos levou por distintos lugares do noso planeta.
“Abracadabra!!”, maxia con Carlos Coira na Biblioteca P.M.”Manuel María” de Oleiros
O día 16/10/2014 celebrouse “ÑAM ¡¡¡”, un obradoiro de ilustración de 60 minutos de duración dirixido a nenas e nenos de 4 a 12 anos.
Neste obradoiro de ilustración os participantes empregaron alimentos; hortalizas, froitas, froitos secos, macarróns, etc, cos que ilustraron personaxes que eles mesmo imaxinaron, posteriormente sacamoslle unha foto xunto co nome do artista.

O mércores 15/10/2014 contamos na biblioteca con “Títeres nas mans” é un obradoiro no que pintamos na man personaxes imaxinados, os participantes deron vida coa manipulación e a voz a eses títeres. A rapazada xogou a contar pequenas historias inventadas polos eles mesmos.

O xoves 16 de outubro puidemos gozar na Biblioteca Central Rialeda dun espectáculo de maxia moi divertido e participativo. A “desaparación” e “aparición” dun billete, a corda que se tensa maxicamente grazas á enerxía do público, o can branco que se convirte en negro e outra vez se volve branco e outra negro… a auga que sae polo cóbado dun neno e pode encher un vaso… unha estupenda tarde para os nenos/as e os seus acompañantes.



Séguenos