O 27 de outubro tivemos una tarde chea de música e ledicia en Oleiros coa grata visita de Magín Blanco, consagrado músico e compositor da Rúa.
Amenizounos cun montón de cancións e historias: A nena e o grilo, Gatuxos, María Fumaca, Xiqui Xoque, Fiúfiú, libros- cds do artista ou colaboracións del.
O día 27 de outubro, recibimos na Biblioteca de O Froxel “Francisco A. Vidal”, a Fran Alonso coa súa obra “Poetízate”. Poesía que conecta a propia realidade con pequenas doses de fantasía, sobre temas de amor, natureza, sobre Galicia, sobre a terra, sobre a saudade, que gustou moito os nenos e os pais, amosando que é un xénero moi entretido e que transmite moitos sentimentos.


O pasado día 26 de outubro, os rapaces e rapazas, así como os adultos que os acompañaban, disfrutaron na Biblioteca de Oseiro “Dora Vázquez”, do espectáculo “Contos para un caldiño” de Baobab Teatro. Con música, teatro e danza, os grandes protagonistas foron os asistentes, que participaron activamente da actividade.
O pasado día 21 de Maio, os rapaces e rapazas de Miño, disfrutaron co espectáculo de Pavís Pavós, “Palma e repalma, contos para bebés”

Os libros da miña casa tolearon por completo. A cada un aconteceulle un suceso incrible e viaxan nunha maleta de acá para alá querendo contar cadaquén a súa historia. Hainos de todo tipo: tímidos, divertidos, intrépidos, deliciosos, ¡pero… ai! Coidado e prudencia, con cautela temos que escoitar algún dos seus relatos, tamén cousas escalofriantes contan estes libros, pois de todo lles pasou.
E con todo, todiño, divertímonos unha chea na Axencia Municipal de Lectura de Chapela, conmemorando o Día da Biblioteca con Carme Domech e as historias que cada libro “persoalmente” íanos contando
Día 23 de outubro de 2015 das 10 da mañá á 12 e media da noite, na biblioteca de Escairón
O día 24 celébrase o Día da Biblioteca, e na biblioteca decidimos adiantar a celebración ó venres e non pechar en todo o día.
Debido ó éxito acadado na edición anterior, collemos aire, e desde as 10 da mañá ata a ben pasada a medianoite tivemos un amplísimo surtido de actividades, empezando con visitas escolares durante toda a mañá.
Ás 10:15 chegou o primeiro dos 3 grupos de alumnos de infantil e primaria do colexio de Escairón que viñeron coñecer mellor a biblioteca como espello ou retrato do que é o noso concello (máis de 110 alumnos e 9 profesores e profesoras). Nesta visita aprenderon os pasos que segue un libro antes de formar parte do noso fondo cunha práctica de rexistro dun libro, que en breve aparecerán na selección de novidades do catálogo da biblioteca, e nun artigo específico do noso blog. Ademais aproveitamos para invitalos a participar nas actividades da tarde.
Tantas foron as ganas, que xa ó saír do cole, algúns quixeron vir para biblioteca aproveitando que non estaba pechada á hora do xantar.
Ás 17:00 seguiron as actividades con Xapón e origami, obradoiro de cociña ás 18:00 e merenda ás 19:00 antes da sesión de Contos do mundo, unha viaxe polo mundo a través dos contos a América Central da man de Solidariedade Internacional de Galicia ás 20:00 (do programa Ler conta moito). Durante esta sesión acabamos descubrindo que o animal máis perigoso de América central nada tan grande coma un felino ou unha serpe, senon un animaliño minúsculo: un mosquito! Sorprendémonos con alguna das historias desa zona do planeta que localizamos nun globo terráqueo.

Escoitamos atentamente os Contos do mundo, para facer unha viaxe polo mundo a través dos contos a América Central da man de Solidariedade Internacional de Galicia
Ás 21:00 logo dun pequeno tapeo para que a fame non acabara coas ganas de festa, aproveitamos a enerxía recén acumulada para unha sesión de xogos e obradoiros: xogamos ás cadeiras colaborativas (a solicitude popular por aclamación e porque o ano pasado gustaron tanto, tanto que quixeron repetir), construír un pequeno conto pop-up d’Os tres porquiños e o lobo, xogar cunha lámpada de plasma e un pequeño truco/experimento científico.
Ás 22:00 descansamos de exercicio coa sesión amenizada por Eduvía, Imos xogar con Filgueira Valverde (do programa Ler conta moito), un xogo con preguntas e probas, para o que se sortearon os equipos contando cada un cunha madriña adulta (porque non se presentaron padriños). Moitas risas e diversión, desde logo. E claro, o reparto do premio foi moi ben acollido porque os e as participantes eran amantes das lambonadas.

Con Eduvía, xogamos con Filgueira Valverde e aprendemos moito sobre este autor, rimos un montón e pasámolo moi ben
Ás 23:30 (máis tarde do previsto porque o xogo estaba moi entretido e o tempo pasou voando) continuamos cun obradoiro de manualidade científica e cun obradoiro poético guiado pola escritora Rhodea Blasón ás 00:00.
En resumo, un exitazo. E, igual que pasou o ano pasado, rematamos máis tarde do previsto porque ninguén quería marchar. Ata algúen propuxo quedar a durmir na biblioteca, pero como esqueceran traer saco de durmir, tiveron que ir durmir á casa. Xa veremos que pasa o ano que vén.


A B.P.M. de Brión celebrou o Día das Bibliotecas cunha actuación a cargo do grupo “Glup, Glup Teatro, que presentou na sala infantil da biblioteca a obra “Catalina, Lino, Lina”, un espectáculo teatral destinado a fomentar o amor polos libros e a lectura entre os nenos de 3 a 10 anos de idade.
Catalina Lino Lina, farta de agardar a que alguén abra as páxinas do libro no que habita para poder cobrar vida, decide escapar para vivir as súas propias aventuras. Unhas divertidas historias que a protagonista compartiu cos máis pequenos durante pouco máis de 45 min.
A representación celebrouse o día 23 de outubro ás 17:30 h. A ela asistiron algo máis de trinta persoas, entre nenos e adultos acompañantes. Os pequenos interactuaron activamente con Catalina, participando con interesa nos contos e historias narrados pola rapaza que habita nos libros.
O espectáculo estivo organizado pola B.P.M. de Brión co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
“O amor e a cociña…. riman de maravilla!”
Antón, que facía as mazás asadas perfectas, e Tomasa, que estaba todo o día amasa que amasa, contáronnos a súa máxica historia de amor na Biblioteca Pública Municipal de Sarria.

Con choiva e sol, cos nenos e familias, entre tomates e pementos, e fornos e cociñas, Antón e Tomasa pasaron moitas aventuras antes de chegar a poder selar o seu amor con un bico.
Para celebralo, compartiron con nós unha das súas máis doces receitas, e así entre todos, cociñamos unha deliciosa merenda que nos soupo riquísima.

Moitas grazas a Antón e Tomasa, por facernos rir tanto e descubrirnos que, como coa cociña, co teatro tamén moi ben se pasa.
Onte Tania e Rita, de Forma Teatro, trouxeron á Biblioteca Municipal de Lugo os seus “Bebecontos de Choupiña e Trasnón”, cargadas coa súa maleta e acompañadas da Vaca Paca e o Porquiño Celta.

Para moitos dos nenos era o seu primeiro contacontos, e pensamos que non será o último, tendo en conta o ben que o pasaron.

O misterio do pirata Benito Soto, a cargo de Polo Correo do Vento, fixo disfrutar aos máis pequenos e pasar unha sesión divertidísima grazas aos contos e ás ilustracións que ao mesmo tempo levaba a cabo o debuxante. Os nenos puideron ademais, facer a súa propia ilustración, guiados en todo momento polo ilustrador.
Foi unha actividade que gustou moitísimo e que tivo lugar o 14 de maio de 2015


Séguenos