18/10/2018
O martes 16 de outubro e seguindo coa nosa programación do Mes das Bibliotecas, tivemos os “Contos do chupete” da man de Migallas Teatro na nosa biblioteca onde o pasamos de rechupete. Foi unha sesión de contos para bebés na que se integraron música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral.
Foron moitos os bebés que xunto con pais e nais quixeron pasar unha tarde tenra e familiar, e disfrutar cantando, tocando palmas e facendo sons. Non hai máis que ver as súas caras de disfrute 😉

E como parecía que non lles chegaba a sesión 🙂 , Bea e o seu compañeiro ofreceron unha derradeira no exterior da biblioteca aproveitando a boa tarde que quedou. Alí, xa libremente, os cativos que non tiveron que marchar, achegáronse a tocar os instrumentos musicais e disfrutaron un bo anaco.

Moitas grazas a Migallas Teatro por esa tarde tan familiar e divertida. Un pracer teros connosco e ata outra!
Séguenos