13/06/2013
Ratos na biblioteca! Os ratos van ao mar a cargo de Trinketrinke Teatro
O 5 de xuño a partir das 18:00 h celebramos o “Día Mundial do Medio Ambiente” cunha visita moi especial. Os ratos de Lonxedetodo trouxéronnos un divertido contacontos teatral no que os condutores das actividades foron unhas personaxes fantásticas: os Ratos da Biblioteca, que proceden dun lugar chamado Lonxedetodo, onde os libros e a lectura ocupan un lugar sobranceiro na vida da comunidade.
A zona de contacontos da biblioteca estaba decorada para a ocasión con paneis no que se amosaba o mar, praias e barcos pirata.
Os Ratos de Lonxedetodo son grandes viaxeiros, coñecen contos moi bonitos sobre o mar e un día deciden embarcarse. Lupiña, a ratiña de Lonxedetodo compartiu cos asistentes incribles contos sobre o mar, as baleas e os piratas.
Os contos foron narrados utilizando técnicas diversas: narración oral,amosando as ilustracións, teatro de monicreques,teatro de sombras, de obxectos,dramatizacións coa participación do público…
A Ratiña de Lonxedetodo, ao remate da función descubriu unha sorpresa que tiña preparada para os nenos: nun lugar da biblioteca e tapado cunha tea laranxa había un expositor para os “Contos Favoritos dos Ratos “. Nel expuxéronse arredor de 50 contos identificados cun distintivo coas caras dos ratos. Deste xeito pretendíase visualizar os fondos e darlles saída a través do empréstito, favorecendo este dende o vínculo afectivo establecido entre os nenos e os Ratos de Lonxedetodo durante o Contacontos. Trinketrinke colaborou na selección dos contos propoñendo 25 títulos existentes na Biblioteca e o persoal bibliotecario elixiu o resto. Os contos foron identificados cos distintivos dos Ratos de Lonxedetodo.
Ao remate da sesión, os asistentes amosáronlle á Ratiña as instalacións da biblioteca. Lupiña levou varios contos emprestados e animou a que todos os nenos e nenas tamén o fixeran.
O acto rematou coa entrega dos premios do II Concurso de Fotografía Medio Ambiental, unha iniciativa na que participan alumnos de toda a localidade, cuxos traballos forman parte dunha exposición fotográfica na propia biblioteca. Lupiña non quixo perder a oportunidade de saír na foto coas gañadoras e o concelleiro.
Séguenos