O CARBALLO CON BOTAS FABRICA CORAZÓNS

O Carballo con Botas deeixou moi boas sensacións en Camariñas. Converteu as malas novas en fabulosos corazóns cheos de boas intencións, contos moi divertidos e moitas risas.

O Carballo con Botas deeixou moi boas sensacións en Camariñas. Converteu as malas novas en fabulosos corazóns cheos de boas intencións, contos moi divertidos e moitas risas.
O sábado 19 de outubro os rapaces e as raparigas da biblioteca de Bertamiráns participaron no obradoiro “Constrúe o teu propio superheroe ou superheroína”, e deixando voar a imaxinación crearon uns personaxes peculiares e divertidos.
Laura Alonso propón, a partir de personaxes con superpoderes coñecidos, realizar os nosos propios personaxes soltando a imaxinación para darlle os seus superpoderes e as características que definen os seuperherois e superheroínas.

O venres 18 de outubro os rapaces e as raparigas da biblioteca do Milladoiro participaron no obradoiro “Constrúe o teu propio superheroe ou superheroína”, e deixando voar a imaxinación crearon uns personaxes peculiares e divertidos.
Laura Alonso propón, a partir de personaxes con superpoderes coñecidos, realizar os nosos propios personaxes soltando a imaxinación para darlle os seus superpoderes e as características que definen os seuperherois e superheroínas.


Día 18 de outubro de 2019 das 10 da mañá ata case a medianoite, na biblioteca de Escairón
Na Biblioteca Pública Municipal do Saviñao, despois do éxito acadado nas cinco edicións anteriores, volveremos adiantar o Día da Biblioteca e celebrar o Día da Biblioteca – Noite na Biblioteca, con actividades de moi diverso contido, nas que, empezando coas visitas escolares ó longo de toda a mañá e obradoiros, contacontos e encontros con autoras pola tarde ata rematar case a medianoite, participaron máis de 200 persoas.
Este ano acompañáronnos Antía Yáñez coa actividade Rescate na biblioteca e a narradora Sole Felloza coa sesión Bolboretas (ámbolas dúas do repertorio do programa Ler conta moito), que visitaron a Biblioteca para celebrar con nós este día tan especial.
Este foi o Programa completo:
Visitáronnos estudantes de 6º de Primaria e 1º da ESO. Tiveron unha sesión práctica sobre o funcionamento do catálogo en liña, no que puideron ver como se incorpora un título novo (alumnado de 6º de Primaria) e como poden levar libros para a casa (con exemplos prácticos e reais) e que xestións poden facer por internet co seu carné de soci@s cando xa teñen un libro en préstamo (alumnado de 1º da ESO).
Tamén nos visitou a escola infantil que gozou da bebeteca despois dunha sesión de contacontos en alemán e en italiano ademais de cantar contos en galego.

Despois das visitas guiadas do mediodía, ás 17:00 empezamos coas actividades da tarde entre as que había varios obradoiros:
.

Logo da merenda, elaboramos unhas sinxelas buxainas, que nos deron moito xogo:

Resolto o xogo de pistas da escritora Antía Yáñez, a petición de alumnos e alumnas do CPI Dr. López Suárez a quen lles gustou O misterio de Portomarín despois de lelo como lectura obrigatoria fixemos unha sesión improvisada de sinatura de autrógrafos coa autora:

Despois de cear unhas deliciosas pizzas, ás 22:00 chegou a sesión de contos de Soledad Felloza, actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga, e cos seus contos quedamos todos e todas coas bocas e as orellas moi abertas, menudas cousas que nos contou! 
Rematamos a festa case á medianoite con música e cancións e coa promesa de volver á biblioteca atopar novos misterios, aventuras e sorpresas.
Esperamos que o pasarades tremendamente e que sigades con ganas de visitar a vosa biblio.
O venres 18 de outubro tivo lugar a chegada do “Carballo con botas” e a súa fábrica de corazóns de papel reciclado para converter as malas novas sobre a violencia de xénero en corazóns de papel reciclado.

Unha vez máis o nenos e nenas de A Illa de Arousa desfrutaron dun día fermoso na súa Biblioteca Municipal fabricando corazóns de papel reciclado…

Ler Conta Moito-Igualdade_2019





Miguel Cortés achegounos o mércores á tarde á cultura e á escritura chinesa.
Un grupo de adultos pertencentes aos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Cambre participaron neste orixinal obradoiro.
Dunha maneira moi amena e didáctica foinos adentrando nos catro tesouros que compoñen o proceso de escritura chinesa: o pincel, a tinta, o papel e o morteiro para desfacer a tinta.
A caligrafía chinesa ten diferentes niveis. Neste obradoiro Miguel Cortés móstrounos a máis sinxela, facendo un percorrido polos diferentes trazos, a orde destes trazos, o carácter conceptual da escritura, que máis que escribir é debuxar…
O primeiro caligrama que debuxamos foi o correspondente a “persoa”, e así avanzando paulatinamente de menos a máis, ata chegar ao caligrama “China”.
Rematouse o obradoiro participando dunha tertulia moi interesante, resaltando peculiaridades da sociedade china moi sorprendentes para un occidental.
O día 16 de outubro “Polo Correo do Vento” visitou a Biblioteca de Dodro e agasallounos coa historia ilustrada de Ángeles Alvariño, destacada oceanógrafa galega. Esta actividade supón unha loa á igualdade e as mulleres galegas que co seu traballo melloraron e seguen a mellorar a nosa sociedade. As pequenas e pequenos participantes aprenderon e desfrutaron moito coa mesma. Actuación que logo de pedagóxica resulta fundamentalmente necesaria.


Hoxe celebramos no Porriño o obradoiro “Mulleres revolucionarias”, impartido por Taller Abierto.
Destinado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, tratábase dun obradoiro de creación plástica a partir da semblanza dunha serie de mulleres da historia da arte, a ciencia e a sociedade que tiveron a forza e a valentía para realizar cousas verdadeiramente impresionantes, loitando pola independencia e a igualdade.
As mulleres constitúen a metade da poboación mundial e a historia da humanidade está chea de mulleres que se atreveron a dar o primeiro paso para que os seus iguais sigan avanzado e rompan os esquemas impostos xeración, tras xeración. Neste obradoiro dímoslle vida a quen axudou a ampliar as fronteiras dos dereitos das mulleres, superando as diferenzas de xénero nun contexto nada doado.
Para iso contamos coa participación de decenas de estudantes do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño, que participaron activamente nesta actividade para romper as fronteiras de xénero.

O 11 de outubro nenos de 1º de Primaria do CEIP Plurilingüe de Ribadavia asistiron a un contacontos musical e un obradoiro posterior titulado Rosalia. Todos por igual de Tarabelos Teatro dentro do programa de Igualdade e Loita contra a Violencia de Xénero. Asi de ben o pasaron. O mural feito no obradoiro quedou exposto na biblioteca.



Séguenos