Conmemoración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co espectáculo “HISTORIAS DUN MUNDO GRANDE” de Fran Ameixeiras “Bandullo Azul” na Biblioteca de Pazos de Borbén
Onte mércores 2 de abril de 2025 conmemoramos no Concello de Pazos de Borbén o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL coa actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén – BiblioPazos e que tivo lugar ás 13:00 horas no Ximnasio do CPI “Curros Enríquez” de Pazos, xa que debido aos danos ocasionados polo temporal “Martinho” no edificio do Concello non puidemos utilizar o Auditorio para realizar esta actividade.
Recibimos a FRAN AMEIXEIRAS de Bandullo Azul que nos trouxo o seu espectáculo “HISTORIAS DUN MUNDO GRANDE” ao que asistiron o alumnado de Infantil e 1º/2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira, ademais de varios usuarios da Asociación Aspavi.
En “HISTORIAS DUN MUNDO GRANDE” a cadeliña Becki -desde a súa biblioteca onde pasa tanto tempo lendo e escribindo- coa axuda de Fran Ameixeiras contáronnos historias que Becki foi coñecendo nas súas viaxes polo mundo. Historias de colaboración e de solidariedade entre as persoas que cantamos e bailamos para celebrar o respecto e a felicidade; historias diferentes, de culturas diferentes, de persoas diferentes. E a curiosidade e a empatía por esas outras culturas, esas outras persoas, axudaránnos a mellorar o planeta que habitamos e a facer del un lugar máis pacífico e amoroso.
Desde a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén – BiblioPazos queremos agradecer ao CPI “Curros Enríquez” de Pazos a cesión dos seus espazos para poder realizar esta actividade. Tamén agradecer a asistencia do alumnado tanto do CPI como da EEI “A Galeriña” de Nespereira e dos usuarios da Asociación ASPAVI.
E, por último, agradecer a Fran Ameixeiras de Bandullo Azul a súa visita a Pazos de Borbén e polo seu estupendo traballo para facernos pasar un boísimo rato na súa compañía e na da cadeliña Becki.
Aquí deixamos unhas imaxes do evento para que vexades o ben que o pasamos.






















Séguenos