14/05/2026
O pasado 13 de maio tivemos o pracer de acoller na Biblioteca Pública Municipal de Barro unha sesión moi especial de animación á lectura da man de Caxoto. Nesta actividade, os máis pequenos do CEIP Amor Ruibal puideron gozar dunha contada chea de maxia, na que as historias cobraron vida acompañadas de instrumentos musicais tan curiosos como sorprendentes.
Ademais de escoitar contos, as crianzas tiveron a oportunidade de descubrir unha pequena mostra dos fondos da nosa biblioteca destinados á rapazada de 0 a 5 anos, achegándose así ao marabilloso mundo dos libros dende idades temperás.
O espectáculo foi tamén unha fermosa homenaxe a todos eses libros que nos marcaron, que nos marcan e que, sen dúbida, seguirán formando parte da nosa vida para sempre.
Caxoto compartiu, ademais, unha historia moi persoal: cando era pequeno, custáballe moito durmir e sempre atopaba escusas para non deitarse. Ata que un día, por imitar ao seu irmán maior, decidiu coller un libro antes de durmir. Sen decatarse, aquela decisión levouno a vivir unha noite chea de aventuras e soños, unha experiencia que quixo repetir unha e outra vez. Dende entón, cada noite converteuse nun pequeno ritual: un conto, un anaco de imaxinación e o libro gardado baixo a almofada para deixarse levar cara ao mundo dos soños.


Séguenos