O día 15 de maio os nenos de 5º de primaria realizaron un obradoiro creativo a cargo de Luis Vallecillo dentro do programa do mes das letras galegas na biblioteca de Covelo.
O 26 de abril visitou a biblioteca de Covelo Ana Romero. Realizou dúas sesións, unha para os máis cativos, os nenos da Galiña Azul de 0 a 3 anos e a outra para os nenos de infantil e 1º de primaria do colexio de Covelo.
María Noel e unha presa de cativos, usuarios habituais da Biblioteca Municipal de Ordes, xuntáronse o 16 de Maio para celebrar o Día das Letras Galegas. Armados con plastilina, cartóns , libros de manualidades e moita, moitísima imaxinación, fixeron marabillas nunha tarde na que, sen dúbida, disfrutamos todos. Ao tempo, os cativos visitaron a mostra que sobre as Letras Galegas expuxemos na biblioteca. Que creatividade a dos nosos rapaces e rapazas!
A Bliblioteca Municipal de Vila de Cruces acollía o 23 de maio de 18 a 19,15 h. a Crearte Servizos Culturais co obradoiro Arte nos libros! con Leonardo da Vinci unha actividade educativa e lúdica.
A través dun power point os nenos puideron coñecer o interesante mundo de Leonardo, intercalando as explicacións con actividades nas que participaron moi activamente.
Manel Cráneo imparte un segundo obradoiro na Biblioteca Municipal Os Templarios, o día 26 de abril. Neste caso ao alumnado de 3º E do IES Afonso X O Sabio, de Cambre.
Comezamos facendo unha breve presentación de Manel Cráneo, cun percorrido pola súa obra e as súas publicacións, todas existentes na biblioteca e dispoñibles para préstamo.
A continuación, móstranos, a través dun Power Point, o álbum A Torre dos Mouros, con todo tipo de detalle, así como o proceso de creación. Vai intercalando as explicacións con pequenas prácticas para o alumnado, mesmo utilizando o xogo das disferentes maneiras de resolver unha determinada páxina.
A última parte do obradoiro consiste na realización dunha páxina de cómic, según un guión que lles proporciona.
Manel Cráneo propón, como actividade de continuidade, a realización dun cómic de xénero histórico, baseado na Orde do Temple, na ponte do Burgo, ou similar, aproveitando a ubicación da Biblioteca Os Templarios neste lugar. Para isto valeríanse de publicacións da biblioteca ou de restos arqueolóxicos existentes.
O día 26 de abril, tiveron lugar na biblioteca dous Obradoiros de banda deseñada, a cargo do debuxante Manel Cráneo, dentro da programación de Ler Conta Moito. Estes talleres dan continuidade ao programa Abrilustrado das Bibliotecas Municipais de Cambre.
O primeiro taller, dirixido ao alumnado de 3º C do IES David Buján de Cambre, tivo unha primeira parte teórico-práctica a fin de ir situando ao alumnado no contexto e na linguaxe do cómic: os tipos de bocadillos, os diferentes planos, a importancia das onomatopeias… Todo isto intercalado con pequenas prácticas.
A segunda parte do obradoiro apoiado nun Power Point, vai presentando en imaxes o álbum A Torre dos Mouros, con todo tipo de explicacións, tanto de documentación histórica como de realización técnica. En determinados momentos, para as imaxes e , antes de pasar páxina, propón ao alumnado a posible resolución dunha situación. A continuación compáranse os resultados.
A última parte consiste en tratar de realizar, brevemente, unha páxina de cómic, a partir dun guión previo.
Dado que a Biblioteca Municipal Os Templarios está moi pretiño da Ponte do Burgo, onde se atopan ao descuberto parte das arcadas da primitiva ponte, e sabido que foi lugar de relevancia histórica, Manel Cráneo propuxo ao alumnado realizar, a posteriori do taller, un cómic de xénero histórico, baseandose nas referencias existentes sobre o entorno.
Ademais, recálcase a importancia de visitar a exposición dos orixinais da Torre dos Mouros, que se atopaba na Sala de Exposicións da Biblioteca Central de Cambre.
O 14 de Maio, e como xeito de celebración do Día das Letras Galegas, celebramos co noso Club xuvenil de lectura o obradoiro de creatividade literariada man do compositor e titiriteiro Luis Vallecillo.
Luis faloulles da capacidade innata que todos temos para crear historias e para sacarlle partido á nosa imaxinación, e estableceu con eles algúns modos de facer para conducir a creación dun conto, dun guión, unha canción, un poema…
Os nosos novos creadores escolleron facer un conto, e xuntos elaboraron as bases dunha historia que, pouco a pouco, poderá ser matizada, retocada e perfilada por cada un deles, engadíndolles o seu toque, os seus detalles, e amoldándoa para facela máis atractiva ao gusto de cada un.
Ver máis neste enlace ao Blog das Bibliotecas de Redondela.
O 21 de xuño acollimos na Biblioteca municipal de Ortigueira o obradoiro “Instantáneas de plastilina” de María Noel Toledo.
Os destinatarios foron os rapaces e rapazas a partir de sete anos. A artista plástica, María Noel, comezou a actividade con diversas explicacións sobre as técnicas para traballar a plastilina: o volume, a busca de novas cores, a unión das pezas… Logo propúxolles que se dividisen en grupos para traballar. Cada grupo escollleu unha temática sobre a que facer as súas instantáneas cos seus decorados e personaxes. As escenas resultantes foron: un acuario, o escenario do Festival de Ortigueira, a celebración dun cumpreanos, un día de praia, un casamento, paseando cun can moi traveso e unha escea medieval.
Participaron todolos nenos e nenas da Galiña Azul de Antas de Ulla e outros bebés do pobo. En total 36, entre nen@s e nais.
A actividade desenrolouse durante media hora na que os actores ían narrando contos sinxelos, os dous á vez en voz medianamente baixa, pero por entre os nenos para lograr captar a súa atención e todo intercalando cancións e xogos de imitación.
Ó final cada neno manipulou un xoguete relacionado co conto.
Resultou unha actividade moi interesante e que gustou a nais e os nenos disfrutaron.
Intentaron tamén que as nais colleran orientacións para contar os contos ós pequeniños.
Co seu lapis máxico e a fantástica dramatización do conto, logrou o entusiasmo e a atención de tódolos participantes na actividade, así como a súa implicación na mesma, seguindo e facendo diferentes xogos dramáticos que eran axudados polo lapis que pinta soños.
Participaron preto de 30 nenos e nenas, de 4 a 8 anos.
Foi todo un éxito que só co corpo e os xestos se lograra unha actividade tan enrequecedora.


Séguenos