24/10/2017
Día 20 de outubro de 2017 das 10 da mañá ata a medianoite, na biblioteca de Escairón
O día 24 celébrase o Día da Biblioteca, e na biblioteca, debido ó éxito acadado en anteriores edicións (esta é a cuarta), decidimos adiantar a celebración ó venres e non pechar en todo o día. Así tivemos actividades de moi diverso contido, empezando con visitas escolares ó longo de toda a mañá e non rematando ata a medianoite.
Ás 10:00 chegou o primeiro dos grupos escolares (4º, 5º e 6º de Infantil do colexio de Escairón) e ás 11:15 chegou o grupo da Escola Infantil Municipal, que viñeron coñecer a biblioteca e que se entretiveron e divertiron cos contos prohibidos Hola, cartero, Pezzettino ou Soy el más guapo.
Ás 12:00 chegaron os alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria e ás 12:45 os de 4º, 5º e 6º de Primaria, que despois de repasar o aprendido sobre O Saviñao na visita do ano pasado (fixemos exame e non se libraron tampouco os profes, que xa están avisados para a próxima), continuaron vendo como é que un libro pasa a formar parte do fondo da biblioteca e se pón a disposición do público: como lle poñemos o identificador de código de barras para facer o empréstito no novo Sistema de Xestión Bibliotecaria. Por grupos, identificamos e etiquetamos varios libros da sección xuvenil, que xa están colocados onde lles corresponde. Ademais aproveitamos para recordar que había máis actividades pola tarde.
De 14:00 a 17:00 reservamos tempo para as visitas guiadas á biblioteca.
Ás 17:00 a nosa primeira sesión “oficial” de Contos Prohibidos da tarde, na que cada quen mirou e remirou os títulos que temos dispoñibles.
Ás 18:30 (despois da merenda) coñecemos A superavoa de Antón da Organización Meu Rei (que colabora coa Fundación Meniños de Galicia)(a partir de 3 anos e público familiar), que rematamos cun obradoiro artístico. Un breve resumo é este:

Toda a tarde estivo chea de contos, moitos deles que foron prohibidos. No obradoiro d’A superavoa de Antón, creamos unha chea de personaxes en pedra entre a hora da merenda e a da cea!
Ás 19:30 a segunda sesión sesión “oficial” de Contos Prohibidos durante a que vimos novamente Hola, cartero, Orellas de bolboreta, e outros varios que representamos por grupos: Pezzettino (en italiano), Mi perrito quiere bailar ballet, ou Soy el más guapo.
Ás 20:30 Xogos por equipos e unha apetitosa cea para que a fame non acabara coas ganas de diversión.
Ás 22:00 vimos que As cousas pequenas contan (do repertorio do programa Ler conta moito). Con el soubemos que calquera obxecto nos pode servir para crear personaxes e inventar historias. Coas historias inventadas durante o obradoiro fixemos un precioso conto!
A partir das 23:00 relaxámonos con música e baile, e non faltou o karaoke!

As cousas pequenas contan leváronnos a inventar personaxes e historias, coas que se fixo un libriño que podedes atopar na biblioteca. Rematamos con baile e karaoke.
A medianoite despedímonos con poucas ganas de marchar para a casa.
Esperamos que o pasarades moi ben e que sigades con ganas de visitar a vosa biblio. Nós xa estamos pensando a ver como o celebramos o ano que vén.
Agradecemos de corazón a participación nas actividades e alegrámonos de que o pasarades tan ben que non quixerades marchar para a casa.
Séguenos