26/10/2015
Día 23 de outubro de 2015 das 10 da mañá á 12 e media da noite, na biblioteca de Escairón
O día 24 celébrase o Día da Biblioteca, e na biblioteca decidimos adiantar a celebración ó venres e non pechar en todo o día.
Debido ó éxito acadado na edición anterior, collemos aire, e desde as 10 da mañá ata a ben pasada a medianoite tivemos un amplísimo surtido de actividades, empezando con visitas escolares durante toda a mañá.
Ás 10:15 chegou o primeiro dos 3 grupos de alumnos de infantil e primaria do colexio de Escairón que viñeron coñecer mellor a biblioteca como espello ou retrato do que é o noso concello (máis de 110 alumnos e 9 profesores e profesoras). Nesta visita aprenderon os pasos que segue un libro antes de formar parte do noso fondo cunha práctica de rexistro dun libro, que en breve aparecerán na selección de novidades do catálogo da biblioteca, e nun artigo específico do noso blog. Ademais aproveitamos para invitalos a participar nas actividades da tarde.
Tantas foron as ganas, que xa ó saír do cole, algúns quixeron vir para biblioteca aproveitando que non estaba pechada á hora do xantar.
Ás 17:00 seguiron as actividades con Xapón e origami, obradoiro de cociña ás 18:00 e merenda ás 19:00 antes da sesión de Contos do mundo, unha viaxe polo mundo a través dos contos a América Central da man de Solidariedade Internacional de Galicia ás 20:00 (do programa Ler conta moito). Durante esta sesión acabamos descubrindo que o animal máis perigoso de América central nada tan grande coma un felino ou unha serpe, senon un animaliño minúsculo: un mosquito! Sorprendémonos con alguna das historias desa zona do planeta que localizamos nun globo terráqueo.

Escoitamos atentamente os Contos do mundo, para facer unha viaxe polo mundo a través dos contos a América Central da man de Solidariedade Internacional de Galicia
Ás 21:00 logo dun pequeno tapeo para que a fame non acabara coas ganas de festa, aproveitamos a enerxía recén acumulada para unha sesión de xogos e obradoiros: xogamos ás cadeiras colaborativas (a solicitude popular por aclamación e porque o ano pasado gustaron tanto, tanto que quixeron repetir), construír un pequeno conto pop-up d’Os tres porquiños e o lobo, xogar cunha lámpada de plasma e un pequeño truco/experimento científico.
Ás 22:00 descansamos de exercicio coa sesión amenizada por Eduvía, Imos xogar con Filgueira Valverde (do programa Ler conta moito), un xogo con preguntas e probas, para o que se sortearon os equipos contando cada un cunha madriña adulta (porque non se presentaron padriños). Moitas risas e diversión, desde logo. E claro, o reparto do premio foi moi ben acollido porque os e as participantes eran amantes das lambonadas.

Con Eduvía, xogamos con Filgueira Valverde e aprendemos moito sobre este autor, rimos un montón e pasámolo moi ben
Ás 23:30 (máis tarde do previsto porque o xogo estaba moi entretido e o tempo pasou voando) continuamos cun obradoiro de manualidade científica e cun obradoiro poético guiado pola escritora Rhodea Blasón ás 00:00.
En resumo, un exitazo. E, igual que pasou o ano pasado, rematamos máis tarde do previsto porque ninguén quería marchar. Ata algúen propuxo quedar a durmir na biblioteca, pero como esqueceran traer saco de durmir, tiveron que ir durmir á casa. Xa veremos que pasa o ano que vén.
Séguenos