III Informe sobre los Servicios Sociales en España (ISSE III)

03. Xuño 2020 Alertas

As reflexións xeradas sobre os servizos sociais nos últimos anos conclúen na necesidade de realizar cambios neste sistema, co fin de reforzalo e melloralo. Este informe resulta de especial interese porque se basea nunha enquisa realizada a traballadoras sociais e, por tanto, recolle información de primeira man.


Vicente, E., et al. (coords.), III Informe sobre los Servicios Sociales en España (ISSE III). Serie: Investigaciones e Informes del Consejo General del Trabajo Social n. 5, Madrid, Consejo General del Trabajo Social, 2019, 92 p.

As reflexións xeradas sobre os servizos sociais nos últimos anos conclúen na necesidade de realizar cambios neste sistema, co fin de reforzalo e melloralo. Entre os retos que se expoñen na bibliografía actual sobre este asunto, aparecen cuestións como a universalización da atención social; o cambio do imaxinario colectivo sobre os servizos sociais e que poidan ser percibidos como un dereito co que contan as persoas; apostar pola atención primaria e os servizos sociais de base; acabar co asistencialismo; romper co binomio demanda-recurso; levar a cabo intervencións grupais ou comunitarias; ou responder a novos problemas sociais. O presente informe é de especial interese porque se basea nunha enquisa realizada a traballadoras sociais e, por tanto, recolle información de primeira man. Ademais, ao realizarse por terceira vez consecutiva, permite analizar a evolución e tendencias dos servizos sociais, examinando, entre outras cousas, como puideron afectar as decisións que se tomaron nos últimos anos sobre o labor destas profesionais. Sendo o traballo social unha das disciplinas con maior representación no sistema, é importante levar a cabo investigacións desde esta disciplina que sinalen os retos que se expoñen sobre os servizos sociais e fagan achegas para poder avanzar no cambio que tanto necesitan nestes momentos.

https://www.cgtrabajosocial.es/files/5de783c0056f8/ISSE_III_WEB.pdf