O verán que queres vivir. Acción de verán 2019

A conselleira de Política Social e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentan a Campaña de Verán 2019 baixo a lenda O verán que queres vivir.


A conselleira de Política Social e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentaron a Campaña de Verán 2019, que baixo a lenda O verán que queres vivir pon á disposición da mocidade 9.834 prazas. A proposta de actividades para os meses de xullo, agosto e setembro inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, coincidindo coa presentación da campaña, a orde que rexe a solicitude de praza para os campamentos en Galicia e noutras comunidades. Neste caso, o prazo ábrese ata o vindeiro 7 de maio. Pola súa banda, a convocatoria para inscribirse nos campos de voluntariado abriuse o día 25 e pecharase o 10 de maio en primeira convocatoria. Toda a información está dispoñible nos seguintes enlaces da páxina web de Xuventude.

http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran

http://xuventude.xunta.es/images/accion_de_veran/2019/anexos/FOLLETO_CAMPA%C3%91A_VER%C3%81N_2019.pdf

Poderán participar as mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade  que conta tamén cunha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Esta nova campaña de verán incorpora tres campamentos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

Accións de voluntariado

Tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían ata este ano como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, un mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía xacobea: Vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Etiquetas